Sunday 28 de April de 2024

A Xunta executará este ano obras por valor de 3,6 millóns de euros en Ares para o novo centro de saúde e unha senda peonil


O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, reuniuse co alcalde, Julio Iglesias, para repasar as iniciativas autonómica no municipio

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, reuniuse co alcalde de Ares, Julio Iglesias, para trasladarlle os investimentos que a administración autonómica realiza neste municipio así como para analizar aqueles outros proxectos onde poden traballar conxuntamente as dúas institucións.

Ovidio Rodeiro destacou o compromiso da Xunta de Galicia para construír o novo Centro de Saúde de Ares, que se licitou por un importe de máis de 2,1 millóns de euros e que se agarda poida estar en funcionamento ao longo do vindeiro ano. Esta infraestrutura permitirá duplicar o espazo actual e aumentar os servizos do centro de saúde que se estruturará en tres plantas cunha superficie total construída de 1.354 metros cadrados.

Ademais, o delegado tamén anunciou o vindeiro investimento de 1,5 millóns de euros para a construción dunha senda peonil de preto de catro quilómetros entre Ares e Mugardos, na estrada AC-130. O delegado informoulle ao alcalde que os trámites administrativos avanzan como estaba previsto e o proxecto xa está en fase de licitación, tras a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria concedeu o ano pasado catro axudas: unha subvención para a contratación de un axente de emprego, outra para fomento do emprego no medio rural e dúas máis para a promoción do emprego autónomo. Cun investimento total de máis de 30.000 euros creáronse cinco postos de traballo. Tamén se desenrolou un obradoiro de emprego conxunto cos Concellos de Fene, Mugardos, Neda e Cabanas. O investimento foi de 179.000 euros e formáronse 20 alumnos en albanelería. Así mesmo, se fixeron dúas achegas para outras tantas accións formativas impartidas por entidades privadas nos ámbitos da atención sociosanitaria a persoas dependentes e de obtención do permiso de conducir C e C-1.

Por últimos, en Política Social destaca o financiamento por parte da Xunta de Galicia de 3.440 horas mensuais en atención domiciliaria de persoas dependentes, que coordinan os servizos sociais de atención primaria deste municipio e que supón unha achega por parte da administración autonómica de preto de 368.000 euros ao ano.